Trabada pon en marcha un programa de terapia ocupacional para as persoas maiores

O Concello de Trabada iniciará a finais deste mes de setembro un programa de Terapia Ocupacional dirixido á veciñanza maior, co obxectivo de mellorar o seu benestar físico, cognitivo e social. As sesións desenvolveranse de maneira descentralizada, percorrendo as diferentes parroquias para facilitar a participación.
O calendario arrinca o martes 23 de setembro, cunha sesión na antiga escola de Vidal ás 16:00 horas e outra no Teleclube de Sante ás 18:00 horas. O mércores 24, as actividades trasladaranse á antiga escola de Valboa ás 16:00 horas e á Casa da Cultura de Trabada ás 18:00 horas. Finalmente, o xoves 25 será a quenda do Teleclube de Vilapena ás 16:00 horas e da Escola de Abres ás 18:00 horas.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, subliñou que “despois de iniciar o curso escolar, tamén damos comezo ao curso de actividades para os nosos maiores. Se hai uns días puxemos en marcha as clases de pilates, agora ofrecemos este programa de terapia ocupacional, que percorrerá as parroquias con diferentes propostas adaptadas a eles”.
O rexedor incidiu en que se trata dunha actividade totalmente gratuíta, que se prolongará ata o mes de xuño. “A nosa prioridade é coidar das persoas maiores, ofrecéndolles alternativas de ocio saudable, de socialización e de mellora física e cognitiva, sen custo algún para eles”, asegurou.
Con esta iniciativa, o Concello de Trabada consolida o seu compromiso co envellecemento activo, achegando servizos que contribúen a manter a calidade de vida da poboación maior e a reforzar a cohesión social no territorio municipal.