Trabada pon en marcha un curso de talla en madeira aberto a toda a veciñanza

AMariñaXa
A actividade, que se desenvolverá na Escola de Vilar Betote a partir de outubro, está dirixida a persoas maiores de 15 anos e non require experiencia previa
concello-trabada-casa-consistorial-2022
17 Sep 2025

O Concello de Trabada acaba de abrir o prazo de inscrición para unha nova proposta formativa: un curso de talla en madeira que arrincará en outubro na Escola de Vilar Betote, situada na parroquia de Sante.

As sesións celebraranse todos os martes, entre as 20:30 e as 22:30 horas, e estarán abertas a maiores de 15 anos, sen que sexa preciso contar con coñecementos previos. O custo da actividade é de 40 euros ao mes, e cada participante deberá dispoñer do seu propio material de traballo, que se concretará na primeira xornada.

O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 3 de outubro e poderá formalizarse tanto nas oficinas municipais como a través do teléfono 982 135 011.

O alcalde, Rubén García, salientou que “seguimos ampliando a nosa oferta de actividades con propostas variadas que chegan a diferentes sectores da poboación. Neste caso, apostamos pola talla en madeira como unha iniciativa cultural e creativa que pode atraer tanto a persoas que buscan iniciarse coma a quen quere mellorar as súas habilidades”.

Con esta iniciativa, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa dinamización da vida local e coa creación de alternativas de formación, lecer e participación ao servizo da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.092765808105469