Trabada pon en marcha os Campamentos Urbanos de Verán
O Concello de Trabada pon en marcha desde o 1 de xullo os seus Campamentos Urbanos de Verán 2021, unha iniciativa que ten como obxectivo prioritario axudar ás familias a conciliar a vida persoal e laboral.
Un total de 24 nenos e nenas participarán nestes campamentos, que forman parte das actividades dirixidas a favorecer a conciliación laboral das familias de Trabada e das persoas que traballan en Trabada ou teñen familia aquí, coa finalidade de prestar un servicio que dé maior cobertura ás familias
“Para as familias nas que os proxenitores traballan, é moi importante contar con este servizo de atención e coidado aos menores, compatibilizando desta maneira o período non lectivo coa xornada laboral”, explica a alcaldesa de Trabada, Mayra García.
Os campamentos cumprirán e aplicarán todos os protocolos e recomendacións Covid-19, aproveitando os espazos ao aire libre.
O servizo prestarase ata a primeira semana de setembro, con actividades de ocio e ocupación do tempo de lecer baseadas nos principios da educación non formal, en horario de 10.00 a 14.00 horas.