Trabada pon en marcha o prazo para solicitar a nova vivenda de alugueiro social en Valboa

O Concello de Trabada anunciou que a partir do vindeiro luns abrirá o prazo para presentar solicitudes para a nova vivenda de alugueiro social situada na antiga Escola de Mestres da parroquia de Valboa. As persoas interesadas dispoñerán dun mes para formalizar a súa solicitude e poderán consultar nas oficinas municipais se cumpren os requisitos establecidos para acceder a esta vivenda.
O prezo do alugueiro será de 143,82 euros mensuais, mantendo así condicións accesibles para favorecer o acceso á vivenda no municipio. Esta nova promoción súmase ás catro vivendas municipais xa en funcionamento noutras parroquias, como Trabadela, consolidando o compromiso do Concello co desenvolvemento do parque de vivenda social.
Ademais, o Concello de Trabada xa está a desenvolver o proxecto de rehabilitación da antiga Escola de Mestres da parroquia de Vilapena, coa intención de continuar ampliando a oferta de vivenda social e ofrecer solucións habitacionais a máis familias.
O alcalde, Rubén García, subliña que “seguimos apostando polo alugueiro social como unha ferramenta fundamental para facilitar o acceso á vivenda, fixar poboación e combater o despoboamento no noso concello”, reforzando así o compromiso coa dinamización e o benestar da comunidade local.