Trabada pedirá 150.000 euros en axudas para catro proxectos
O Concello de Trabada durante o mes de febreiro tramitou varias solicitudes de subvencións á Xunta coa finalidade de mellorar infraestructuras e equipamentos cun importe superior a 150.000 euros, tal e como informou a alcaldesa, Mayra García.
Unha delas foi a que pediron para mellorar o acceso ao polideportivo de Sante e á fachada traseira do albergue de peregrinos. Tamén destinarase ao acabado da fachada do polideportivo que está en bloque de formigón sen enfuscar e comprarán sete bancos para poñer no trazado do Camiño de Santiago. Esta actuación ten un importe de 19.984,86 euros.
Así mesmo o Concello volveu solicitar, por segundo ano consecutivo, xa que o pasado foi denegada, unha axuda para mellorar as instalacións e equipamentos dos vestiarios do polideportivo de Trabada, por importe de 45.041,14 euros. A actuación proxectada consiste na mellora da instalación e equipamentos dos vestiarios do polideportivo do Concello de Trabada, fomentando a realización da actividade física en espacios públicos en condicións de seguridade e protección.
Tamén pediron financiamento para a adquisición dunha pala miniexcavadora por importe de 40.000 euros para realización de actuacións de protección do medio ambiente e do espacio natural.
Finalmente, solicitaron unha axuda para o acondicionamento e mellora dos accesos de Vilapercide a Cabana, a Portela e a Veiga desde a LU-P-6102, cun orzamento total de 52.088,53 euros. Con esta actuación levarase a cabo a limpeza de cunetas e a rexeneración do pavimento en 3 kilómetros de vías municipais.
"Como se pode comprobar, cremos que é importante mellorar e manter as estradas pero tamén mellorar o parque móbil do Concello contando con nova maquinaria que nos permita facer traballos que ata o día de hoxe, pola falta de medios, fanse contratando con empresas externas ou vémonos condicionados polas limitacións orzamentarias para levalas a cabo. Con estas actuacións melloraremos a vida útil das vías públicas", di a alcaldesa.
"Por outra banda, cremos que é importante levar a cabo actuacións que melloren a nosa contorna e que contribúan á eliminación de feísmos no rural. Son moitos os inmobles que rehabilitamos e cremos que levar a cabo actuacións de mantemento nos inmobles municipais, ademáis de mellorar a súa utilidade mellora a estética e a imaxe do pobo", conclúe.