Trabada pecha o exercicio do 2020 con 1,6 millóns de euros executados
O Concello de Trabada aprobou onte nun pleno municipal a conta xeral do ano 2020, cun remanente de tesourería que ascende a 290.806,49 euros, un importe executado de 1.582.248,48 euros e unhas existencias en conta de 204.313,33 euros.
“Son cifras que reflicten que somos un concello saneado e xestionado de forma responsable, executando coa maior celeridade posible os proxectos que anunciamos aos nosos veciños e cun remanente para novos investimentos”, asegura a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez.
Ademais, o equipo de goberno deu resposta a varias preguntas da oposición, unha delas sobre o campo de fútbol, realizado polo anterior grupo de goberno pero inservible xa que non ten as medidas reglamentarias. “Actualmente ten o mesmo uso que tiña cando chegamos, estamos valorando varios proxectos que coñecerán cando os fagamos públicos”, afirmou o concelleiro de Deportes, Rubén García, na sesión plenaria.
Con respecto a outra preguntra sobre as instalacións municipais do ximnasio, Rubén García lembrou que “tiñamos pensado adecuar e modernizar as instalacións dende hai dous anos e por segundo ano consecutivo a Xunta denegounos a subvención para levar a cabo unha reforma dos vestuarios e a compra de novas máquinas”.
Xa por último, en relación ás tarefas de desbroce de pistas, Mayra García Bermúdez explicou que “a Xunta convocou as axudas de Aprol rural para o fomento do emprego de medio rural o 20 de abril, o 5 de maio o Concello solicitou axuda, o 24 de xuño notifican a concesión e o 25 de xuño a alcaldía aproba o decreto de aprobación das bases do proceso de selección. Na notificación establécese como data límite de contratación o 30 de xullo e en data 7 de xullo fíxose o proceso de selección”.
“A diferencia é que en anteriores anos as convocatorias destas axudas fíxeronse a principios de ano: no 2020 publicouse o 24 de febreiro; no 2019 o 3 de xaneiro, e no 2018 o 6 de febreiro… polo tanto, a responsable do retraso do desbroce en Trabada e en toda Galicia é a conselleira de Emprego e Igualdade, que tomou posesión en setembro de 2020 e retrasou tódalas convocatorias de axudas de emprego”, engadiu.
Ademais, a alcaldesa lembrou que “vimos de recibir no mes pasado” a comunicación da Xunta relativa á perda da subvención do ano 2014 para o desbroce mecanizado, xa que o anterior grupo de goberno non tramitou o expediente conforme ao convenio asinado nin xustificou as axudas en prazo. “Falamos de 9.100 euros que perdeu o concello”, manifestou.