Trabada Paso a Paso: “Empezamos facendo o Camiño pero pouco a pouco creamos un vínculo moi bonito entre nós”

AMariñaXa
A asociación de sendeirismo fundouse no 2018 e suma xa 36 socios da vila e de municipios próximos como Barreiros ou Vegadeo
trabada-paso-a-paso
17 Nov 2024

Lucía Blanco

No 2018 a afección polo sendeirismo foi o berce para que un grupo de amantes das camiñatas, da natureza e da cultura dera o paso para constituirse como asociación. Trabada Paso a Paso suma xa 36 socios, tanto da vila como doutros concellos próximos como Barreiros, Vegadeo e Castropol, que comparten non só o gusto de andar, senón tamén por seguir tecendo lazos entre o colectivo. “Cando empezamos non sabiamos o que iamos durar. Pero pouco a pouco vas vendo como vai medrando e que a xente está a gusto e créase un vínculo entre todos moi especial”, conta Amparo, a presidenta.

Estreáronse como asociación facendo o Camiño de Santiago por etapas. Como foron eses comezos?

Empezamos a raíz dunhas rutas que fixeran os concellos de Trabada e Vegadeo para promocionar o Camiño. As rutas acabáronse, quedamos un grupiño que íamos collendo trato e pensamos en facer algo e seguir promovendo rutas. Foi de xeito totalmente informal, xuntámonos uns poucos e fundamos asociación. Ao comezo non sabiamos si ía saír adiante, pero empezamos forte co Camiño de Santiago por etapas. Todos traballabamos e sempre había formas de facelo, pero eran os sábados ou días pola semana entón decidimos organizalas os domingos. Despois fomos ampliando con rutas pola zona, case sempre por Asturias e a zona de León que nos quedan máis preto.

—Confirman que o sendeirismo non entende de idades.

A media dos socios igual son os 50 anos, pero pillamos todas as xeracións. Practicamente temos dende adolescentes, que son os menos, pero despois temos xente de ata os 75 anos. Faiche ilusión que os novos tamén participen porque na adolescencia é moi complicado ter xente, pero van cos pais e pásano ben e volven.

Van todos os membros ás rutas?

Non, hai xente que é socia e non vai a ningunha, senón que procura que a asociación siga en pé e outros que van a case todas.

Pódese dicir que hai lista de espera para formar parte do colectivo. Que significa para vostedes recibir tan boa acollida?

Ata agora eramos poucos, pero xa cara o 2025 temos xente esperando, porque non collemos máis socios ata comezos do vindeiro ano. A raíz das rutas do Concello de Trabada si que nos coñeceu máis xente. Préstache e economicamente tamén inflúe pois nós autofinanciámonos. Págase o bus e a comida polo que canta máis xente sexamos máis barato sae o transporte e as rutas serán máis económicas.

Unha das últimas visitas foi ao Hayedo de Montegrande. Como se presenta o calendario para os próximos meses?

Nos meses de decembro e xaneiro paramos, os días son moi pequenos e a climatoloxía tampouco axuda e é unha época de festas e de estar coa familia. Retomamos a actividade desde febreiro ata xuño. Intentamos facer como mínimo 2 rutas ao mes e sempre os domingos, porque hai moitas cousas pero para a xente que traballamos os sábados non hai tanto.

Como é o traballo de planificación?

Normalmente facemos un listado porque agora en decembro temos unha comida con todos os socios e sempre lles digo que me traian ideas, que me digan a onde queren ir. Collemos as propostas e imos repartindo, mirando tamén a proximidade.

Este ano compaxinan as súas rutas coas que organiza o Concello e nas que tamén colaboran.

Tamén lles queremos dar promoción e imos facendo unha mestura. Unha das últimas que fixo o Concello foi a Ruta da Fraga da Becerreira, tamén se organizou unha comida e houbo sorteos. Nas anteriores ibamos iselando as rutas e demos rifas en función das que fixeran. É unha maneira de incentivar á xente.

Máis aló de promover itinerarios, apostan por viaxes de tipo cultural. Anima esta mestura a atraer máis público?

Exactamente. Facemos rutas de sendeirismo pero tamén culturais. De feito, este ano tiñamos unha socia que levaba 50 anos sen viaxar nun tren, entón fixemos a ruta en tren de Ribadeo a Ferrol. Cando fomos a Teverga, fomos ver unha cascada e un museo da prehistoria, que é algo que se non estás alí a propósito igual non vas. Dependendo tamén do que duren as rutas, aproveitamos sempre a ver algo da zona á que imos. Así á xente a que lle gusta andar pois vai a iso e a xente que lle interesa a parte da cultural tamén lle interesa. Ás veces tamén ata que non probas tampouco sabes realmente o que che gusta.

Asociacións a súa axudan a fomentar unións entre os seus membros. Como son eses vínculos?

Un punto importante é esa relación que ten o propio grupo dentro da asociación. Foise creando un vínculo moi bonito. Como non somos moitos, fíxose un grupo familiar. Encántalles comer nun restaurante da zona e sentarse a falar sen présa. E tamén axuda a coñecer xente dos concellos limítrofes. Non é só Trabada, vén xente tamén de Vegadeo, Castropol ou Barreiros.

Que balance fan destes 6 anos de traballo?

A verdade é que estamos moi contentos e dache ganas de facer cousas cando ves que a xente participa e se interesa, dá forzas para seguir adiante. Se che gusta sacas tempo, aínda que sexa pola noite e dedícaste a buscar propostas e a mirar as ideas da xente que tes anotadas. Pero o que gusta non é traballo, é algo que che apetece facer

0.1999249458313