Trabada organiza un Campionato de Balinera durante as festas de Abres

AMariñaXa
O evento celebrarase o 19 de xullo nun ambiente festivo e interxeracional, con inscrición gratuíta e premios para os tres mellores participantes
TRABADA-Campionato-de-balinera-Abres-19-xullo
4 Jul 2025

O campo da festa de Abres será escenario, o vindeiro 19 de xullo ás 19:30 horas, dunha nova edición do Campionato de Balinera organizado polo Concello de Trabada. A actividade enmárcase no programa das festas patronais da parroquia e coincide co tradicional churrasco que cada ano reúne a veciñanza nun ambiente de convivencia.

Dirixido a participantes de todas as idades, o evento busca fomentar a participación cidadá e o ocio compartido, ofrecendo un espazo seguro e lúdico para a práctica deste popular xogo. A organización facilitará as balineras, polo que non será necesario levar material propio para inscribirse.

A participación é gratuíta e poderá formalizarse ata o 15 de xullo nas oficinas municipais ou chamando ao teléfono 982 135 011. Tamén será posible anotarse no propio campo da festa o mesmo día da competición.

O certame contará con premios moi atractivos para os tres primeiros clasificados: o gañador levará unha carabina GAMO valorada en 249 euros; o segundo premio será un taladro EINHELL de 213 euros; e o terceiro, un maletín de chaves IRIMO cun valor de 99 euros.

O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que “seguimos apostando por actividades que impliquen á veciñanza e que dean vida a todas as parroquias do concello. Propostas como esta, combinadas coas celebracións populares, permiten reforzar o sentido de comunidade e dinamizar o noso territorio”.

Este campionato forma parte da estratexia do Concello para promover actividades accesibles e interxeracionais, que poñan en valor a identidade local a través do entretemento, o encontro e a tradición.

⚙ Configurar cookies
0.16821002960205