Trabada, na busca da reelección de García Bermúdez
García Bermúdez quere manter a maioría absoluta conseguida nas últimas eleccións e o Bloque Nacionalista Galego non presentou lista
Os socialistas seguen apostando pola actual rexedora, Mayra García, a que foi a alcaldesa máis nova da provincia lucense con 26 anos, para manter os sete concelleiros conseguidos no 2019, dous máis que durante o mandato anterior. García Bermúdez ten un proxecto ambicioso, de moito traballo e xestión que comezou no 2015. O PP preséntase cun novo candidato, o gandeiro José María Fernández Vázquez, que ten moi claro as súas prioridades se chega ao fronte do municipio e quen di que traballará “con humildade e coa decisión de servir con eficiencia”. Pola contra, o Bloque Nacionalista Galego non presenta candidatos para este concello.
PSOE. Mayra García Bermúdez volve ser a candidata á Alcaldía. É a actual alcaldesa e opta á reelección “para dar continuidade ao proxecto que comezamos no ano 2015, un proxecto ambicioso, de moito traballo e xestión para lograr importantes investimentos que se traducen en mellorar a calidade de vida dos veciños e das veciñas de Trabada”.
“Conseguimos investimentos moi importantes grazas ás xestións que realicei persoalmente para conseguir subvencións, con obras en todas as parroquias, no centro urbano e na zona rural, levando e mellorando equipamentos, en definitiva facendo un pobo máis igualitario entre as diferentes parroquias, cuestión que cando gobernaba o Partido Popular non sucedía”, engade García Bermúdez. Exemplo diso son novos servizos como a área de autocaravanas na Ría de Abres, o albergue de peregrinos en Sante ou o Centro Etnográfico Xosé Rocha en Trabada”, explica a alcaldesa.
“Impulsamos numerosas medidas sociais e de conciliación, o punto de atención á infancia e a residencia de maiores son un bo exemplo. Temos proxectos iniciados que nos gustaría rematar, como son o centro social na Ría de Abres ou o auditorio en Trabada. Proxectos que xa obran nas dependencias municipais e para os que estamos á espera de obter financiación por parte da Xunta de Galicia, da mesma forma que financiaron proxectos similares noutros concellos galegos", dixo a rexedora local.
PP. O Partido Popular participará nas próximas eleccións cunha lista na que o candidato á Alcaldía será José María Fernández, quen destaca a súa estreita vinculación co municipio e a súa condición de traballadores, así como a ilusión de todos por conseguir para este concello os investimentos que precisa.
José María Fernández sinala “a nosa candidatura está composta por un grupo de mulleres e homes con moita vinculación con Trabada. Son persoas humildes e traballadoras, que desexan cambiar a forma de gobernar, chegar á veciñanza e dar ao concello os investimentos que precisa”.
O alcaldable popular di: “Os membros da candidatura do PP non temos outra aspiración que a de dar ao noso pobo o mellor, o que merece, e sacalo do estancamento no que está inmerso; queremos facer todo iso sen confrontación, sen propiciar a división entre a veciñanza e buscando sempre a proximidade”.
Os populares adquiren un compromiso moi claro “prometemos gobernar con humildade, e sempre moi cerca da cidadanía”.
CANDIDATOS ELECCIÓNS 2023
PP
1. José María Fernández Vázquez
2. Eliseo López Villar
3. Juana María Rodríguez Maseda
4. María Isabel García Sánchez
5. Sonia Alonso Fernández
6. Verónica Fernández Fiallega
7. Diego Santomé Fernández
8. Francisco Rodríguez Gasalla
9. Ramón Gallo Díaz
Suplentes:
1. Óscar Bermúdez López
PSOE
1. Mayra García Bermúdez
2. Julia María Barcia Fernández
3. Rubén García Freije
4. Mari Carmen Amor Prieto
5. Suevia Reimondo Gasalla
6. Rosa María Pérez Prieto
7. Pablo González Lastra
8. Alba Yanes Fernández
9. Guadalupe Rego Rodríguez
Suplentes:
1. Milagros Gomez Fernández
2. Alicia Yanes Maseda