Trabada, Lourenzá e Barreiros reclaman á Xunta as axudas prometidas para o sector da faba

Os Concellos de Trabada, Lourenzá e Barreiros uniron forzas para esixir á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia que cumpra coas promesas realizadas ao sector da faba. Nunha carta conxunta remitida esta semana á titular do departamento autonómico, os tres municipios expresan a súa “profunda preocupación” pola inacción da Administración, que malia os anuncios feitos o pasado 14 de marzo en Ribadeo, aínda non activou ningunha das medidas comprometidas.
Segundo recollen no escrito oficial, as actuacións pendentes inclúen axudas directas de ata 2.000 euros por hectárea e a posta en marcha dun mecanismo financeiro que facilite liquidez ás explotacións afectadas pola desastrosa campaña de 2024. “Estamos xa a 16 de maio e nada chegou. O sector non pode esperar máis”, denunciou o alcalde de Trabada, Rubén García, lembrando que as perdas superan o 80% e que moitas familias produtoras atópanse ao bordo da ruína, sen recursos para afrontar unha nova sementeira.
A carta reivindica ademais que estas axudas cheguen a todos os produtores, con independencia de se están ou non incluídos na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá. “Non pode haber agricultores de primeira e de segunda”, subliñan.
Entre as principais demandas, figura tamén a necesidade de poñer en marcha un plan de investigación agronómica e fitopatolóxica que permita comprender as causas das enfermidades que afectaron á colleita deste ano. Así mesmo, os concellos solicitan que a Xunta traballe da man co Goberno do Principado de Asturias para reclamar conxuntamente en Madrid a creación dunha axuda asociada á faba no marco da Política Agraria Común (PAC).
Dende as tres alcaldías recalcan que a faba é moito máis ca un produto agrícola: forma parte do patrimonio económico, social e cultural da Mariña lucense. Por iso consideran “inadmisible” que a súa continuidade estea agora en xogo pola falta de resposta da Xunta. “Desde o Concello de Trabada temos claro que non imos deixar ao rural atrás. Demandamos medidas reais e inmediatas”, concluíu Rubén García.