Trabada lanza unha nova recollida de plásticos agrícolas porta a porta

AMariñaXa
O servizo, previsto entre o 15 e o 19 de decembro, busca apoiar ás explotacións agrogandeiras locais e fomentar prácticas sostibles
PLASTICOS-AGRICOLAS-1_portada
3 Dec 2025

O Concello de Trabada activará entre o 15 e o 19 de decembro de 2025 unha nova campaña de recollida de plásticos agrícolas directamente nas explotacións, un servizo pensado para facilitar o traballo do sector agrogandeiro do municipio. Segundo explicou o alcalde, Rubén García, “o noso obxectivo é apoiar aos agricultores e gandeiros, garantindo a correcta xestión dos residuos plásticos e mantendo o compromiso do Concello cun dos sectores económicos máis relevantes de Trabada”.

As persoas interesadas deberán inscribirse previamente chamando ao 982 135 011 ou acudindo ás oficinas municipais antes do 12 de decembro. Un camión municipal percorrerá as explotacións inscritas para recoller o plástico directamente na súa localización, evitando así desprazamentos innecesarios e facilitando a labor dos profesionais do campo.

Para garantir unha recollida eficaz, o Concello recorda que os plásticos deben colocarse en puntos accesibles para o camión, afastados de tendidos eléctricos ou árbores que poidan dificultar a carga, entregarse pregados e atados, e non conter arames, terra nin area.

Esta iniciativa forma parte dunha campaña semestral que o Concello realiza desde hai anos, reforzando así o seu apoio continuo ás explotacións agrícolas e gandeiras de Trabada e promovendo prácticas respectuosas co medio ambiente. Para máis información, os interesados poden contactar co Concello a través dos medios habituais.

⚙ Configurar cookies
0.07614803314209