Trabada inicia a reforma integral do Teleclub de Sante cun investimento superior aos 50.000 euros

O Concello de Trabada vén de poñer en marcha as obras de acondicionamento e modernización do Teleclub da parroquia de Sante, unha actuación que supera os 50.000 euros de investimento e que será posible grazas á colaboración económica da Deputación de Lugo a través dun convenio específico.
A intervención permitirá actualizar as instalacións deste espazo comunitario, mellorando a súa funcionalidade e adaptándoo ás necesidades actuais. O obxectivo é que o local continúe a ser un punto de referencia para reunións veciñais, actividades culturais e iniciativas promovidas tanto polas asociacións como polos propios residentes da parroquia.
Esta actuación forma parte dunha estratexia máis ampla impulsada polo goberno local para renovar e fortalecer a rede de centros sociais no municipio. Nos últimos meses xa se acometeron melloras no local social de Fórnea e completouse a construción do novo centro social da Ría de Abres. Ademais, está previsto iniciar en breve a reforma do Teleclub da Vilapena, así como executar traballos de pintado exterior no de Vilaformán.
O alcalde de Trabada, Rubén García, subliñou que “seguimos a traballar para dignificar os espazos públicos das nosas parroquias, porque son fundamentais para fomentar a convivencia e a participación”. Segundo explicou, estas actuacións permiten ofrecer instalacións máis cómodas, modernas e acordes coas demandas da veciñanza.
Desde o executivo municipal destacan que este tipo de investimentos responden a un criterio de equilibrio territorial, co propósito de que todas as parroquias conten con infraestruturas adecuadas que contribúan a dinamizar o medio rural e mellorar a calidade de vida da poboación.