Trabada inaugura o seu novo circuíto de pump track no complexo deportivo municipal

O Concello de Trabada vén de completar as obras do seu novo circuíto de pump track, unha infraestrutura deportiva que contou cun orzamento superior aos 50.000 euros a través dun convenio de colaboración coa Deputación de Lugo.
A nova pista está integrada no complexo deportivo municipal, un espazo que xa dispón dunha pista de pádel, unha cancha multideporte, un campo de bolos tradicional, ademais dunha tirolina e un tobogán. Con esta incorporación, a área consolídase como un referente para a práctica deportiva e o lecer no municipio.
O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou a rápida acollida desta novidade. Segundo explicou, “desde o mesmo día en que se concluíron os traballos, o pump track recibe visitas e usuarios a diario. É unha satisfacción comprobar que este investimento responde a unha demanda real e que a veciñanza xa o está desfrutando”.
García avanzou, ademais, que o Concello continuará a traballar na mellora progresiva do complexo: “A nosa intención é seguir ampliando os servizos e ofrecer novas alternativas que complementen as xa existentes, dinamizando así a vida social e deportiva de Trabada”.
Con esta actuación, a administración local reforza o seu compromiso coa promoción do deporte e dos hábitos de vida saudable, apostando por opcións accesibles e abertas a todas as idades.