Trabada impulsa xornadas de portas abertas para homenaxear o legado de José Rocha Gasalla

O Concello de Trabada vén de anunciar unha nova iniciativa destinada a promover e preservar o legado cultural e histórico de José Rocha Gasalla, veciño do municipio recentemente falecido e doador da colección que compón o actual centro etnográfico que leva o seu nome. Como mostra de recoñecemento á súa desinteresada contribución, o goberno local porá en marcha xornadas de portas abertas e visitas guiadas, destinadas tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.
Estas actividades teñen como obxectivo achegar á comunidade e ao público en xeral a riqueza patrimonial e a historia recollida na ampla colección doada por José Rocha. A primeira destas xornadas está prevista para o mes de agosto, coincidindo coa celebración das festas patronais de Trabada, datas que tradicionalmente atraen un maior número de turistas e interesadas e interesados na cultura local.
O alcalde de Trabada, Rubén García, subliñou a importancia de converter o centro nun “espazo vivo, visitable e valorado durante todo o ano”. Engadiu que “a idea é consolidar esta iniciativa e incorporala de forma permanente na programación cultural e educativa do concello”.
O centro etnográfico José Rocha conta con máis de mil pezas históricas, que inclúen desde apeiros tradicionais de labranza, maquinaria antiga, ferramentas e mobles, ata libros do século XVI, obxectos relixiosos, cadros, vestimentas e unha recreación dunha antiga escola. A visita permite realizar unha viaxe ao pasado, coñecendo en profundidade o contexto agrícola, gandeiro e social que moldeou a zona.
Rubén García destacou que “a mellor forma de homenaxear a José Rocha é asegurar que o seu legado continúe vivo, compartido e recoñecido por toda a poboación. Grazas á súa xenerosidade, contamos cun museo que é un auténtico orgullo para o noso concello”.
Nas próximas semanas, o Concello informará dos detalles concretos e das novidades relativas ao calendario destas xornadas e visitas guiadas.