Trabada impulsa unha nova edición dos Ciclos Teatrais na Casa da Cultura

AMariñaXa
Un programa mensual que combina humor, talento local e propostas escénicas de toda a comarca
TRABADA-ciclos-teatrais-2025
1 Oct 2025

O Concello de Trabada, en colaboración coa Deputación de Lugo, presenta unha nova edición dos seus Ciclos Teatrais, unha programación cultural que se desenvolverá na Casa da Cultura do municipio o primeiro sábado de cada mes, desde novembro ata xuño. O ciclo abrirá as súas portas o 1 de novembro coa obra Expectativa Lonxana, a cargo do grupo Nova Escena, e continuará coa participación de diversas compañías da comarca e da provincia, entre as que destacan 57 Palabras, A Adala de Fazouro, Lume Escénico, Trípode, Pico do Castro, O Centiño e San Tirso del Eo.

As representacións, predominantemente de carácter cómico, darán comezo ás 21:00 horas, prometendo momentos de diversión e entretemento para todos os públicos. “Un ano máis seguimos apostando pola cultura como ferramenta de dinamización e encontro veciñal. Queremos ofrecer unha programación estable e variada, cun ciclo que xa conta cunha gran acollida e que garante risa e entretemento para todos”, destacou o alcalde, Rubén García.

Con esta iniciativa, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa cultura e co apoio ás compañías teatrais locais, fomentando ao mesmo tempo o acceso a propostas escénicas de calidade no medio rural. O ciclo consolídase así como unha oportunidade para achegar ao público trabadense e da Mariña lucense ás distintas vertentes do teatro, ao tempo que fortalece o tecido cultural da comarca.

Esta programación continúa a liña de traballo do goberno local, que busca ofrecer alternativas culturais durante todo o ano, promovendo a participación veciñal e incentivando a presenza de espectáculos que combinen tradición, innovación e humor. Ao longo dos próximos meses, os asistentes poderán gozar de funcións que combinan creatividade, talento local e propostas teatrais que reflicten a riqueza escénica da provincia de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.098870992660522