Trabada impulsa unha nova campaña de recollida de plásticos agrícolas

AMariñaXa
O servizo prestarase o 19 de maio mediante solicitude previa e busca fomentar a sustentabilidade no sector primario
plasticos-agricolas
12 Apr 2025

O Concello de Trabada vén de poñer en marcha unha nova campaña destinada á recollida de plásticos procedentes das actividades agrogandeiras, unha iniciativa que terá lugar o vindeiro 19 de maio e que ten como obxectivo principal facilitar a xestión destes residuos no ámbito rural, contribuíndo así á protección do medio ambiente.

A recollida efectuarase mediante un camión que acudirá directamente ás explotacións que así o soliciten con antelación. As persoas interesadas deberán inscribirse antes do 14 de maio, ben chamando ao número de teléfono 982 135 011, ou acudindo persoalmente ás oficinas municipais.

O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou a importancia desta campaña como “un exemplo do compromiso do Concello co rural, ofrecendo ferramentas que simplifican o traballo diario das explotacións e apostando por unha xestión máis respectuosa co medio natural”.

Para garantir a eficacia do servizo, o Concello establece unha serie de recomendacións: os plásticos deben deixarse en lugares de fácil acceso para o camión, afastados de liñas eléctricas e árbores que poidan dificultar a carga. Ademais, deben estar ben dobrados e atados, e non conter restos de arame, terra ou area.

Dende o goberno local agradecen a colaboración da veciñanza e animan á participación para conseguir unha recollida eficaz e ordenada, que beneficie tanto ao sector agrogandeiro como ao conxunto da contorna.

⚙ Configurar cookies
0.1645519733429