Trabada impulsa novas melloras na área recreativa de A Choza na Ría de Abres

O Concello de Trabada vén de tramitar unha nova solicitude de axuda ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia co obxectivo de executar actuacións en espazos integrados na Rede Natura 2000. A intervención prevista céntrase na parroquia da Ría de Abres, única zona do municipio incluída nesta rede de protección ambiental.
O proxecto contempla dar continuidade á mellora da área recreativa de A Choza, un espazo que combina zonas de descanso con puntos destinados ao avistamento de aves e que xa foi obxecto de actuacións o pasado ano. Nese momento, renovouse parte do mobiliario coa instalación de mesas e papeleiras fabricadas con materiais reciclados, nunha aposta pola sustentabilidade.
Nesta nova fase, prevese a substitución da barandilla por outra tamén elaborada con materiais reciclados, así como a renovación dos paneis informativos, que serán reemplazados por estruturas de madeira co fin de lograr unha mellor integración paisaxística co entorno natural.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia de aproveitar este tipo de convocatorias, sinalando que “seguimos solicitando todas as axudas ás que podemos optar, especialmente aquelas que nos permiten actuar en espazos naturais de gran valor como os incluídos na Rede Natura 2000, co obxectivo de mellorar os nosos recursos e poñelos en valor”.
Desde o Concello subliñan que esta intervención permitirá seguir avanzando na posta en valor dun enclave de referencia na Ría de Abres, compatibilizando a conservación ambiental co uso público e o desfrute responsable tanto da veciñanza como das persoas visitantes.