Trabada impulsa dous programas de conciliación para facilitar a vida das familias

Coincidindo co inicio do novo curso académico, o Concello de Trabada activou este luns dous programas destinados a apoiar ás familias na conciliación da súa vida laboral e persoal.
Trátase do servizo de Madrugadores, que funcionará de 8.00 a 9.30 horas, antes do inicio das clases, e do programa Ludiseráns, que se desenvolverá polas tardes, de 15.30 a 19.00 horas, unha vez rematada a xornada escolar. Ambos os servizos estarán dispoñibles de luns a venres.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que con esta iniciativa “reforzamos o noso compromiso coas familias, ofrecendo ferramentas que lles permiten compatibilizar mellor os seus horarios laborais coa atención dos seus fillos e fillas”. O rexedor incidiu en que estas medidas buscan dar unha resposta práctica ás necesidades reais da veciñanza, poñendo en valor a importancia de dispor de recursos municipais que faciliten a organización do día a día.