Trabada impulsa cursos gratuítos para mellorar as competencias dixitais da veciñanza

AMariñaXa
O Concello, coa colaboración da Deputación de Lugo, ofrece unha formación práctica sobre firma dixital, Chave365 e xestións en liña coas administracións públicas
concello-trabada-casa-consistorial-2022
6 Nov 2025

O Concello de Trabada, en colaboración coa Deputación de Lugo, vén de anunciar a posta en marcha dun novo programa de formación gratuíta destinado a mellorar as competencias dixitais da veciñanza. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro do proxecto provincial “E para dixitalizarse Lugo”, que busca facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e fomentar o seu uso no día a día.

A primeira das accións formativas desenvolverase os días 9, 10, 11, 12, 15, 16 e 17 de decembro de 2025, en horario de 10:00 a 13:00 horas, nas instalacións da Casa da Cultura de Trabada.

Esta primeira proposta leva por título “Firma dixital / Chave365 / Certificados varios. Aplicacións de Sergas e Facenda. Actuar ante as administracións públicas, sede electrónica” e permitirá ás persoas participantes adquirir coñecementos prácticos sobre ferramentas dixitais imprescindibles para realizar xestións administrativas de maneira segura, rápida e autónoma.

As inscricións deberán realizarse de forma presencial nas oficinas municipais ata o 23 de novembro, e o número de prazas está limitado a 12 participantes, co fin de garantir unha atención personalizada e un seguimento axeitado do proceso formativo.

O alcalde de Trabada, Rubén García, subliñou “a importancia de achegar este tipo de formacións á veciñanza, sobre todo ás persoas que precisan apoio para adaptarse ao uso das novas tecnoloxías”. O rexedor destacou que esta iniciativa “permitirá que moitos veciños e veciñas poidan realizar xestións electrónicas co Sergas, coa Axencia Tributaria ou co propio Concello sen depender doutras persoas”.

⚙ Configurar cookies
0.075838804244995