Trabada impulsa a recuperación do miradoiro da Área Recreativa de A Choza

AMariñaXa
O Concello aposta pola recuperación e posta en valor das súas infraestruturas turísticas
ÁREA-A-CHOZA-TRABADA
21 Feb 2025

O Concello de Trabada presentou unha solicitude á Axencia de Turismo de Galicia para optar a unha subvención de 30.000 euros destinada á mellora e recuperación do miradoiro da Área Recreativa de A Choza. O proxecto inclúe a renovación de mesas, papeleiras, varandas e outras instalacións co obxectivo de crear un espazo máis accesible e en mellores condicións para veciños e visitantes.

O alcalde, Rubén García, destacou a importancia desta iniciativa para potenciar os recursos naturais do municipio: “Con esta actuación queremos mellorar a área da Choza e ofrecer un espazo renovado que contribúa ao benestar da veciñanza e ao atractivo turístico da zona”.

Así mesmo, subliñou a necesidade de contar cunha planificación previa para acceder a este tipo de axudas: “Estas subvencións requiren unha resposta inmediata, xa que en poucos minutos o crédito esgótase. Grazas a un traballo previo, podemos presentar as solicitudes con rapidez e optar a fondos clave para mellorar o noso municipio”.

Con este proxecto, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa mellora das súas infraestruturas e espazos naturais, apostando por un desenvolvemento turístico sostible e pola mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

0.16787981987