Trabada énchese de sabor coa nova edición de 'Trabada Tapeo 2025'

AMariñaXa
O Concello organiza esta iniciativa gastronómica, que se celebrará do 11 ao 13 de abril, con tapas a prezo accesible en tres establecementos da vila
trabada-tapeo-2025
27 Mar 2025

O Concello de Trabada vén de anunciar a celebración do evento gastronómico Trabada Tapeo 2025, unha iniciativa que busca promover a hostalería local e atraer visitantes a través da gastronomía. A cita terá lugar os días 11, 12 e 13 de abril, cunha oferta de tapas elaboradas polos tres establecementos participantes da localidade.

Os negocios que se suman a esta proposta culinaria son A Taberna da Curuxeira, que ofrecerá 'Crujiente de pataca rechea' e 'Ensalada mariñeira'; o Mesón Camiño Norte, que presentará 'Vieiras en frío y fuego' e 'Tosta de sensacións'; e O Porfirio, cunha oferta de 'Carne mechada con verduras confitadas' e 'Moruno con salsa'. Todas as tapas terán un prezo unificado de 2,50 euros, co obxectivo de facer accesible a degustación para todos os asistentes.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou o impacto positivo que este tipo de eventos teñen na economía local: "É unha oportunidade para dar visibilidade aos nosos establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, converter Trabada nun punto de referencia gastronómico. Queremos que tanto os veciños como os visitantes gocen da nosa riqueza culinaria e contribúan a dinamizar a nosa vila".

O Trabada Tapeo 2025 enmárcase dentro da estratexia do Concello para potenciar o turismo e promover o sector servizos. Ademais da oferta gastronómica, a fin de semana contará cun ambiente festivo que incluirá actividades complementarias, buscando que esta cita se converta nun evento de referencia dentro do calendario local.

⚙ Configurar cookies
0.12225604057312