Trabada e Burela únense para servir unha enfariñada con sabor a mar na Feira do Bonito

A colaboración entre os concellos de Trabada e Burela dará lugar este domingo, 3 de agosto, a unha proposta culinaria sen precedentes no marco da XXXIX Feira do Bonito. Ás 13:30 horas, a carpa instalada no porto de Burela acollerá o reparto de 250 racións dunha enfariñada tradicional de Trabada elaborada cun ingrediente estrela da cita: a ventresca de bonito.
A iniciativa pon en valor a cooperación entre dous municipios da Mariña que comparten unha fonda tradición gastronómica. Dende primeira hora da mañá, voluntarios e voluntarias de ambas localidades traballarán man a man para preparar esta receita tan característica de Trabada, adaptada especialmente para a ocasión coa inclusión do peixe máis emblemático de Burela.
Dende as entidades organizadoras subliñan que esta acción vai máis alá do sabor e da tradición: “Trátase de visibilizar a capacidade de colaboración entre concellos da mesma comarca, sumando forzas para construír unha oferta cultural e turística baseada no noso patrimonio gastronómico”, sinalan.
A enfariñada, prato central das festas gastronómicas de Trabada, únese así ao rei da festa burelá, o bonito, nunha mostra de unión que pretende reforzar os lazos entre comunidades veciñas. “Dúas tradicións que se dan a man para ofrecer unha experiencia única aos asistentes á Feira do Bonito”, destacan desde o Concello de Burela.