Trabada e Barreiros únense para mellorar a estrada entre Fórnea e Vilamartín Pequeno

Os concellos de Trabada e Barreiros darán un paso máis na mellora das comunicacións entre núcleos rurais coa intervención na estrada que une as localidades de Fórnea e Vilamartín Pequeno. A actuación será posible grazas a unha subvención conxunta de 35.616,26 euros, conseguida ao abeiro dunha liña de axudas destinada á mellora de vías de titularidade municipal.
O orzamento total do proxecto ascende a 50.880,37 euros, dos cales os concellos asumirán con fondos propios unha achega conxunta de 15.264,11 euros. Os traballos centraranse na renovación do firme para garantir un tránsito máis seguro, cómodo e eficiente tanto para a veciñanza como para os vehículos que empregan esta vía de maneira habitual.
O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou o valor da cooperación intermunicipal: “Desde o Concello de Trabada celebramos a boa sintonía co Concello de Barreiros. Esta colaboración permite atender necesidades compartidas e mellorar a calidade de vida da nosa xente. A estrada que se vai mellorar é empregada pola veciñanza de ambos termos, polo que actuar nela é un beneficio conxunto”.
Con esta intervención, os dous concellos reafirman o seu compromiso coa vertebración do territorio rural, apostando pola cooperación como ferramenta clave para optimizar recursos públicos e dar resposta efectiva ás demandas cidadás. A mellora desta vía representa, ademais, un avance cara a un rural máis accesible, conectado e funcional.