Trabada e Barreiros solicitan unha axuda para mellorar a vía que une Fórnea e Vilamartín Pequeno

Os concellos de Trabada e Barreiros veñen de solicitar unha subvención conxunta de máis de 50.000 euros para a reforma dunha vía municipal que conecta a parroquia de Fórnea, en Trabada, con Vilamartín Pequeno, en Barreiros.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia de colaborar con concellos veciños para acceder a fondos que permitan mellorar a rede viaria. "Sempre buscamos acadar o máximo posible de subvencións, incluso traballando en conxunto con outros concellos, como xa fixemos no pasado con Ribadeo para a reforma dunha ponte e estrada municipal", explicou.
Esta solicitude encádrase dentro da estratexia común de ambos gobernos locais, que buscan mellorar a calidade de vida da súa poboación mediante investimentos clave na infraestrutura municipal.