Trabada e Barreiros completan a mellora do vial que une Fórnea e Vilamartín Pequeno

O Concello de Trabada anunciou a finalización das obras de mellora do camiño que comunica as parroquias de Fórnea e Vilamartín Pequeno, unha actuación desenvolvida conxuntamente polos municipios de Trabada e Barreiros co obxectivo de reforzar as comunicacións e garantir unha circulación máis segura.
O proxecto contou cun orzamento total de 50.880,37 euros, dos cales 35.616,26 euros procederon dunha subvención tramitada ante a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, mentres que os 15.264,11 euros restantes foron achegados entre ambos concellos.
Os traballos centráronse na mellora do firme e no acondicionamento da vía, incrementando a comodidade e seguridade tanto para os condutores como para os veciños que fan uso diario desta conexión.
O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que esta intervención “supón un novo paso adiante na mellora das comunicacións entre parroquias e na aposta por unha mobilidade segura e sostible para toda a veciñanza”. O rexedor tamén puxo en valor a cooperación institucional, asegurando que “a colaboración entre administracións é esencial para desenvolver proxectos que dean resposta ás necesidades reais do territorio e que repercutan directamente na calidade de vida do rural”.
Desde o Concello subliñan que con esta actuación continúan a avanzar na súa estratexia de modernización das infraestruturas viarias, impulsando a cohesión territorial e favorecendo a dinamización do municipio. A intervención, engaden, “non só mellora unha vía concreta, senón que contribúe a reforzar as relacións entre parroquias e a poñer en valor o patrimonio viario local”.
Con proxectos coma este, Trabada reafirma a súa aposta polo desenvolvemento equilibrado do territorio e pola mellora das condicións de vida da poboación, especialmente nas zonas rurais.