Trabada e Barreiros colaboran na mellora do vial entre Fórnea e Vilamartín Pequeno

AMariñaXa
O proxecto, cun investimento de máis de 50.000 euros, reforza a cooperación institucional e busca garantir mellores servizos para a veciñanza
TRABADA-E-BARREIROS-INICIAN-OBRAS-NO-VIAL-DE-FORNEA-A-VILAMARTIN-setembro-2025
18 Sep 2025

Os Concellos de Trabada e Barreiros puxeron en marcha as obras de renovación do vial que conecta as localidades de Fórnea e Vilamartín Pequeno, unha infraestrutura compartida entre ambos municipios e de grande relevancia para a vida diaria da súa poboación.

O proxecto, cun orzamento total de 50.880,37 euros, está financiado en boa parte por unha subvención de 35.616,26 euros, mentres que os 15.264,11 euros restantes son achegados directamente polos dous concellos.

O alcalde de Trabada, Rubén García, e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, achegáronse ata a zona para supervisar o inicio dos traballos. Durante a visita, García salientou que “a colaboración cos concellos veciños permítenos mellorar servizos comúns e avanzar cara a un rural máis conectado e funcional. Este proxecto é un exemplo do bo entendemento institucional e de como a suma de esforzos dá froitos en beneficio da cidadanía”.

Na mesma liña, Ana Ermida destacou que “esta actuación responde a unha necesidade real e demostra que a cooperación entre concellos é o mellor camiño para conseguir investimentos que doutro xeito serían máis difíciles de acadar”.

Con esta intervención, as dúas administracións locais seguen a dar pasos firmes para mellorar a vida cotiá da veciñanza, apostando por unhas infraestruturas que conectan parroquias, fortalecen vínculos e contribúen a manter un rural vivo e con futuro.

⚙ Configurar cookies
0.099844932556152