Trabada crea unha nova zona verde no complexo deportivo municipal cun investimento de 75.000 euros

AMariñaXa
O proxecto, cofinanciado pola Xunta e o Concello, busca mellorar a sustentabilidade e o confort deste espazo público con áreas de descanso, arborado e elementos naturais
TRABADA-Inicio-obras-complexo-deportivo-2025
14 Oct 2025

O Concello de Trabada iniciou as obras de implantación e ampliación da zona verde no complexo deportivo municipal, unha actuación que supón un investimento total de 75.000 euros. Deles, 60.000 proceden dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, mentres que os 15.000 euros restantes serán achegados con fondos propios municipais.

Este proxecto forma parte dunha nova liña de axudas orientada á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos, da que Trabada foi un dos poucos concellos galegos beneficiarios. O obxectivo é avanzar cara a un modelo de infraestrutura verde que mellore tanto o benestar da cidadanía como a resiliencia ambiental do municipio.

As obras inclúen a creación dun peche natural arredor do campo de bolos tradicional, a instalación dunha zona de descanso con illas de picnic cubertas por pérgolas vexetais, e a colocación de novas fontes, papeleiras e arborado. En conxunto, estas melloras permitirán un uso máis agradable, accesible e sostible do espazo deportivo.

O alcalde de Trabada, Rubén García, explicou que “con este proxecto seguimos mellorando o complexo deportivo municipal e avanzamos na creación dun entorno máis verde, accesible e adaptado ás necesidades da veciñanza”. O rexedor subliñou tamén que “apostamos por un modelo de espazos públicos sostible, pensado para o uso e disfrute de todas as idades”.

García lembrou que o complexo deportivo municipal leva anos experimentando unha transformación progresiva, grazas a distintas actuacións que permitiron consolidalo como un punto de encontro para o deporte e o lecer. “Neste espazo temos a pista de pádel, a pista multideporte, o campo de bolos tradicional, o circuíto de pump track, a tirolina e o tobogán infantil”, enumerou o alcalde.

Con esta nova intervención, o Concello de Trabada reafirma a súa aposta por modernizar e diversificar os espazos públicos, mellorando a calidade de vida da veciñanza e promovendo hábitos de vida saudables.

⚙ Configurar cookies
0.062691926956177