Trabada convértese na capital das dúas rodas coa primeira concentración moteira de A Cadeira

AMariñaXa
A fin de semana do 21 e 22 de xuño ofrecerá exhibicións, rutas, música e gastronomía para os amantes do motor
Motoclube-A-Cadeira-trabada
20 Jun 2025

A paixón polas motos chegará con forza a Trabada os vindeiros 21 e 22 de xuño, coa celebración da I Concentración Moteira organizada polo Motoclube A Cadeira, un evento pioneiro na localidade que reunirá a centos de afeccionados ás dúas rodas para desfrutar dunha intensa fin de semana de motor, espectáculo e convivencia.

O programa arrinca o sábado 21 ao mediodía, coa apertura de inscricións e unha sesión vermú amenizada con música en directo. Durante a tarde, os asistentes poderán experimentar a emoción da alta velocidade cun simulador profesional de pilotaxe de MotoGP Ducati, e asistir a unha impactante exhibición de acrobacias do prestixioso piloto Emilio Zamora, figura destacada no mundo do stunt nacional.

A festa continuará pola noite cunha cea popular no recinto cuberto e unha verbena a cargo dos grupos La Tremenda e The Sound Project, que garantirán ambiente ata altas horas da madrugada.

O domingo 22 comezará cun almorzo para os participantes, seguido dunha ruta turística con parada para pincho, e outra sesión vermú con actuación dun DJ. Como colofón, terá lugar un xantar de clausura con entrega de premios e sorteos.

A organización ofrece distintas opcións de inscrición, con prezos reducidos para socios do Motoclube A Cadeira, e habilita servizos complementarios como food trucks, transporte en taxi e zonas de acampada, que permitirán gozar do evento con comodidade e seguridade.

Dende a directiva do motoclube animan a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta primeira edición, que nace coa vocación de converterse nunha cita anual de referencia no calendario moteiro da Mariña.

⚙ Configurar cookies
0.14394807815552