Trabada contará cos Ciclos Teatrais Mensuais
O Concello de Trabada anuncia o inicio dos Ciclos Teatrais Mensuais, que proporán unha representación teatral cada mes na casa da cultura. Deste modo, o primeiro sábado de cada mes, entre novembro e xuño de 2023, os veciños e veciñas poderán gozar dunha obra de teatro distinta.
“Dende o Concello damos continuidade a esta iniciativa cultural e confiamos no seu éxito, como xa pasou noutras edicións”, sinala Mayra García Bermúdez, alcaldesa de Trabada.
O programa comezará o próximo sábado 5 de novembro, coa obra Tres do grupo El Cioyo. Todas as representacións son gratuítas e comezarán ás 21:00 horas na Casa da Cultura.
En decembro será a quenda do grupo Axouxeres de Vilaronte, con Cousas de Mulleres, mentres que en xaneiro o colectivo Remocicarte representará El Crédito. En febreiro, a cidadanía poderá gozar de O Covid do Mariñán, do grupo O Bordelo de Cervo.
Para marzo proponse O misterio da Vía Rexia, de Lume escénico, mentres que en abril tocará O Muro, do grupo Trípode. A obra Marina Club, de A Adala de Farozouro, e A morte Morrida, do grupo O Centiño, pecharán o ciclo nos meses de maio e xuño respectivamente.