Trabada consegue o financiamento para a renovación da rúa Cotarelo

AMariñaXa
Trabada conseguiu unha subvención da Xunta de Galicia para financiar o 70% da renovación integral e a humanización da rúa Cotarelo.
PLANO RUA COTARELO TRABADA
1 May 2021

O Concello de Trabada conseguiu unha subvención da Xunta de Galicia para financiar o 70% da renovación integral e a humanización da rúa Cotarelo, un dos viais más céntricos e con máis tránsito de vehículos e peóns do municipio.

As subvencións, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas nos concellos de Galicia con poboación inferior a 20.000 habitantes, resolvíanse por orde de entrada das solicitudes desde as 00.00 horas do pasado 9 de marzo. A tramitación realizouna persoalmente a propia alcaldesa de Trabada, Mayra García, en só catro minutos, polo que as 00:04 horas estaba presentaba.

Agora, o concello recibe a notificación de que lle foi concedida a subvención de 67.760 euros para unha actuación que terá un orzamento de 121.000 euros e servirá para mellorar o tránsito e a accesibilidade da rúa na que se atopa a única entidade bancaria do Concello, a única farmacia e a única clínica terapéutica.

“Un proxecto moi importante para unha das principais arterias do noso concello, dotando a zona de novos servizos e humanizando a contorna para facela mais habitable, mellorando así a vida diaria dos nosos veciños e veciñas”, explica a alcaldesa.

Ademáis, a rúa Cotarelo conflúe no seu inicio coa Rúa do Concello, pola que transcurre o Camiño de Santiago Norte–Ruta da Costa, recentemente declarado Patrimonio da Humanidade; en frente está situado o concello e un espazo público que conta cunha praza, un parque infantil e a Igrexa Parroquial, polo que tamén mellorará a imaxe de Trabada de cara aos turistas e peregrinos.

Na actualidade atópase cun pavimento moi deteriorado, executado con seccións varias e con dobre sentido de circulación, onde só hai un tramo de beirarrúa nos primeiros metros, na marxe dereita, que tamén se atopa en mal estado.

O proxecto consiste nunha rúa ao mesmo nivel, con beirarrúas a ambos márxenes, un carril de aparcadoiro pola marxe esquerda e un carril de circulación de dirección única.

Con estas obras dotarase á rúa de novas redes de saneamento e abastecemento de auga; alumeado público; canalización de baixa tensión e telefonía; pavimentación da calzada e das beirarrúas, e sinalización vial.

0.16307497024536