Trabada celebrou a Festa de Fin de Campamento

AMariñaXa
O Concello de Trabada celebrou a Festa de Fin de Campamento, un evento que marcou o final das actividades estivais organizadas nos campamentos de verán municipais.
festa-fin-campamento
31 Ago 2024

O Concello de Trabada celebrou a Festa de Fin de Campamento, un evento que marcou o final das actividades estivais organizadas nos campamentos de verán municipais. A festa, á que asistiron a cativada e as súas familias, ofreceu unha xornada chea de diversión con inchables, xogos e aperitivos.

"Aínda que o campamento non remata ata o 6 de setembro, decidimos facer a festa durante o mes de agosto para que puidesen acudir a maioría dos nenos e nenas que participaron neste Campamento de Verán 2024", explicou o alcalde de Trabada, Rubén García.

Ao longo do verán, un total de 43 cativos e cativas participaron nos diferentes períodos do campamento, onde desfrutaron dunha ampla variedade de actividades. O programa incluíu talleres de cociña, xogos competitivos, dinámicas de sensibilización sobre a discapacidade, e obradoiros de creación de xoguetes con material reciclado. Ademais, os nenos e nenas participaron en actividades de pádel, escape rooms, ximcanas, relaxación e iniciación ao ioga, xornadas na piscina municipal e actividades interxeracionais.

Entre as visitas especiais que recibiron os participantes destacaron a dun intérprete de linguaxe de signos, membros do club de billarda As Troitas Bravas, a baloncestista paralímpica Tania García, os Pandereteiros do Inferno, e Carmen, a cociñeira máis veterana da festa da Enfariñada de Trabada. "O campamento de Verán foi todo un éxito e tivo unha gran acollida entre as familias de Trabada e doutros concellos veciños", destacou o alcalde Rubén García.

Tamén subliñou a importancia destes programas de conciliación, fundamentais para as familias, e que se ofrecen a un prezo moi accesible: "O campamento de verán supón unicamente 15 euros ao mes para cada usuario". Co inicio do curso escolar, o Concello de Trabada continuará apostando pola conciliación a través dos programas Madrugadores e Ludiseráns, en liña coa oferta dos últimos anos, segundo confirmou o rexedor municipal.

0.19582605361938