Trabada celebrará o seu primeiro Campionato de Balinera
O Concello de Trabada celebrará o seu primeiro Campionato de Balinera o vindeiro 12 de outubro no Complexo Deportivo da localidade. O evento dará comezo ás 11.30 da mañá e ofrecerá diversos premios para as persoas gañadoras. O primeiro premio será unha carabina de madeira da marca Gamo, mentres que o segundo posto levará un taladro Einhell. O terceiro premio será un maletín de chaves de vaso marca Irimo.
A organización do campionato contou coa colaboración da ferretería local Top 10, que proporcionou o material necesario para a realización da competición. Segundo o alcalde Rubén García, esta nova iniciativa busca ofrecer aos veciños e veciñas unha actividade diferente, ampliando as opcións deportivas e de lecer no municipio.
Ademais, ás 14.30, tras a competición, terá lugar unha comida no Mesón Norte. O menú inclúe callos, carne asada, postre, café, bebida e pan, cun prezo de 25 euros por persoa. A inscrición, que está aberta ata o 9 de outubro, poderá realizarse nas oficinas municipais ou chamando ao número 982 135 011. Para participar é necesario ter 18 anos ou máis.