Trabada celebrará o Magosto o 7 de novembro cunha gran festa popular na Praza do Concello

Trabada prepárase para gozar dunha das festas máis tradicionais do outono galego: o Magosto. A celebración terá lugar o xoves 7 de novembro, a partir das 21:00 horas, na Praza do Concello, e promete unha noite de boa comida, música e ambiente festivo para veciños e visitantes.
O evento, organizado pola Asociación Cultural O Picato coa colaboración do Concello de Trabada e o Motoclube A Cadeira, ofrecerá un menú con callos a 10 euros, lacón asado a 6 euros e empanada a 3 euros. Ademais, o café e as castañas serán de balde para todos os asistentes, como marca a tradición. O servizo de barra estará a cargo do motoclub trabadense, que tamén contribuirá á animación da xornada.
A música correrá a cargo de “El Puma” e “Billy DJ”, que se encargarán de poñer ritmo á noite para que non falte o baile nin a diversión. A organización dispón dunha carpa, mesas e cadeiras para garantir o confort do público, independentemente das condicións meteorolóxicas.
As entradas poden adquirirse con antelación en Spar Express Trabada e na Libraría Aenlle. Desde a Asociación Cultural O Picato animan a participar nesta cita “que pretende manter viva unha das tradicións máis queridas da nosa terra, unindo gastronomía, música e convivencia veciñal”.