Trabada celebrará a segunda Papanoelada Moteira con música, chocolate e espírito solidario

Trabada volverá vestir o seu Nadal cun toque diferente e cheo de enerxía sobre dúas rodas coa II Papanoelada Moteira, unha cita organizada polo Motoclube A Cadeira que se celebrará o sábado 20 de decembro a partir das 16:30 horas na Praza do Concello.
A actividade, xa moi esperada despois do éxito da primeira edición, contará coa participación de numerosos afeccionados ao motociclismo, que percorrerán as rúas da localidade vestidos de Papá Noel, enchendo o ambiente de cor, humor e espírito festivo.
A Papanoelada celebrarase no marco do Mercadiño de Nadal de Trabada, o que permitirá combinar o encanto das luces e dos postos de artesanía coa espectacularidade das motos decoradas para a ocasión. A veciñanza e visitantes poderán tamén gozar de chocolate e biscoito de balde, ofrecidos pola organización para compartir unha tarde de convivencia e diversión.
Desde o Motoclube A Cadeira destacan que o obxectivo da iniciativa é fomentar o compañeirismo e achegar o espírito do Nadal a toda a comunidade, cun evento aberto a todos os públicos e pensado tanto para moter@s como para familias e nenos. “Queremos que Trabada viva un Nadal especial, que combine tradición e diversión”, sinalan desde a entidade organizadora.
O Concello de Trabada agradece o esforzo e implicación do club e anima á veciñanza a participar nesta cita que, ademais de ser un espectáculo visual, contribúe a dinamizar o comercio local e o ambiente festivo do municipio.