Trabada celebrará a finais de marzo unha nova edición do seu tapeo gastronómico

AMariñaXa
Tres establecementos do municipio ofrecerán distintas tapas durante unha fin de semana dedicada á gastronomía local
Tapeo-Trabada-2026
10 Mar 2026

O Concello de Trabada promoverá os días 27, 28 e 29 de marzo unha nova edición do Tapeo de Trabada, unha proposta pensada para impulsar a hostalaría local e ofrecer á veciñanza e ás persoas visitantes a oportunidade de degustar diferentes elaboracións gastronómicas nun ambiente distendido.

Nesta edición participarán tres locais do municipio, que prepararán varias tapas especiais cun prezo de 2,50 euros por unidade, co obxectivo de animar a percorrer os diferentes establecementos e descubrir as súas propostas culinarias.

Entre os participantes atópase A Taberna da Curuxeira, que presentará dúas elaboracións: Tenreira da avoa e Petiscos de mar. Pola súa banda, o Mesón Camiño Norte ofrecerá as tapas Mifollas de porco, o noso xeito e Cunca de flor mariñeira. Completa a relación de locais participantes O Porfirio, que elaborará Albóndiga de merluza en salsa verde e Brochetas de cerdo, o noso estilo.

Con esta iniciativa, o Concello pretende continuar promovendo actividades que contribúan a dinamizar a vida social e económica do municipio, ao tempo que se apoia o sector hostaleiro.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que desde o goberno local se segue traballando na organización de propostas ao longo do ano que axuden a impulsar a actividade económica e a dar visibilidade aos negocios do municipio.

Desde o executivo municipal animan tanto á veciñanza como ás persoas que visiten a zona durante esa fin de semana a participar nesta nova edición do Tapeo de Trabada e a descubrir as diferentes creacións gastronómicas preparadas polos locais participantes.

0.11811900138855