Trabada celebra o seu II Torneo de Bolos

AMariñaXa
O evento desenvolverase no Campo de Bolos de Trabada en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas
torneo bolos trabada 2024
26 sep 2024

O Concello de Trabada celebrará o seu II Torneo de Bolos o vindeiro domingo, 13 de outubro, nunha xornada que promete destacar o deporte tradicional galego. O evento desenvolverase no Campo de Bolos de Trabada en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

A competición contará coa colaboración do Club de Bolos Ribatra, que reúne xogadores de Barreiros, Ribadeo e Trabada. O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que "con esta iniciativa pretendemos dar máis a coñecer este deporte tradicional que durante tantos anos se xogou na nosa localidade".

García tamén sinalou a importancia de ampliar a oferta deportiva do municipio e dar uso ao novo campo de bolos, construído polo concello o pasado ano. O torneo está aberto a xogadores federados e non federados, baixo a modalidade de bolos en liña con desquite. O prazo de inscrición estará aberto ata o 9 de outubro, e poderá realizarse nas oficinas municipais ou a través do teléfono do Concello (982 135 011). Este evento busca revitalizar e manter viva unha parte esencial da cultura deportiva galega.

0.2053759098053