Trabada celebra con música e emoción o 6º aniversario do Centro de Atención a Maiores

O Concello de Trabada conmemorou este martes o sexto aniversario do Centro de Atención a Maiores (CAM) cunha xornada festiva marcada pola emoción, a música en directo e a participación da veciñanza. O evento contou coa presenza do alcalde, Rubén García Freije, e do concelleiro Pablo González, que acompañaron ás persoas usuarias e ao persoal do centro nun día cargado de simbolismo.
A música correu a cargo do grupo Sons de Celeiro, que puxo banda sonora a unha celebración chea de sorrisos e reencontros. O ambiente festivo serviu para poñer en valor a traxectoria dun centro que, segundo subliñou o alcalde, “segue medrando cada ano grazas ao compromiso das persoas maiores, do equipo de traballo e da colaboración activa da veciñanza”.
Durante o acto, Rubén García expresou o seu agradecemento a todas as persoas que, día tras día, fan posible que o CAM sexa un espazo de convivencia, coidado e apoio para os maiores do municipio. “Este centro é moito máis ca unha infraestrutura: é un referente de coidado e respecto polos nosos maiores”, engadiu.
Desde a súa posta en marcha, o CAM de Trabada consolidouse como un servizo esencial para o municipio, contribuíndo á calidade de vida e ao benestar emocional das persoas maiores, así como ao seu mantemento na contorna habitual e preto das súas familias.