Trabada busca a imaxe do Entroido 2026 co seu décimo concurso de carteis

A Asociación Cultural O Picato de Trabada vén de poñer en marcha a décima edición do Concurso do Cartel Anunciador do Entroido, unha iniciativa xa consolidada que ten como obxectivo elixir a imaxe oficial da festa para o ano 2026 e fomentar a creatividade arredor dunha das celebracións máis destacadas do calendario local.
O certame está aberto á participación de todas as persoas interesadas, sen límite de idade, que poderán presentar ata un máximo de dúas obras por autor ou autora. Os carteis deberán presentarse en formato DIN A4 e contar cunha temática libre, sempre que recollan o espírito propio do Entroido.
O prazo de entrega dos traballos remata o venres 23 de xaneiro de 2026 ás 18.00 horas, e a presentación realizarase na Libraría Aenlle de Trabada. As obras deberán ser anónimas, incluíndo os datos persoais do autor ou autora nun sobre pechado que se entregará xunto co debuxo.
O xurado, formado pola xunta directiva da asociación, emitirá o seu fallo ao día seguinte do peche do prazo, facéndose público o nome da persoa gañadora o 24 de xaneiro. O cartel premiado recibirá unha dotación económica de 50 euros, que se entregará coincidindo coa celebración do desfile do Entroido.
A obra gañadora pasará a ser propiedade da Asociación Cultural O Picato e empregarase como imaxe oficial do Entroido de Trabada 2026, mantendo os dereitos de uso correspondentes. Ademais, todos os traballos presentados serán expostos na Casa da Cultura do concello, ofrecendo así unha mostra aberta da creatividade participante.
Desde a organización lembran que a participación no concurso implica a aceptación íntegra das bases e animan á veciñanza a sumarse a esta proposta cultural que contribúe a manter viva a tradición do Entroido en Trabada.