Trabada avanza no seu plan de vivenda coa reforma da escola de Valboa

AMariñaXa
O Concello obtén unha nova subvención para impulsar o acceso á vivenda a prezos accesibles
Trabada-Antiga-escola-de-Valboa
24 Mar 2025

O Concello de Trabada conseguiu unha nova subvención para a rehabilitación da primeira planta da antiga escola de Valboa, que se destinará a vivenda. O proxecto conta cun orzamento total de 52.631,56 euros, dos que 43.054,97 euros proceden da axuda obtida, mentres que os 9.576,59 euros restantes serán achegados con fondos municipais.

O alcalde, Rubén García, destacou a importancia desta iniciativa, sinalando que se trata dun paso máis dentro do obxectivo municipal de reformar as antigas escolas para destinalas a alugueiro a prezos accesibles. "Creemos que este é o camiño a seguir para ofertar vivenda municipal a un prezo asumible para a veciñanza", afirmou.

Esta acción forma parte dunha estratexia máis ampla para mellorar a oferta de vivenda en Trabada. O seguinte obxectivo do Concello será a rehabilitación da escola da Vilapena, a última pendente de reforma. Ademais, estase traballando na creación dunha bolsa de vivendas, na que os propietarios do municipio poderán incluír os seus inmobles para a súa valoración e posible adquisición polo Concello. O obxectivo é rehabilitalos e poñelos en alugueiro a prezos accesibles, respondendo así á crecente dificultade de acceso á vivenda.

Con este proxecto, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa posta en valor do patrimonio municipal e coa dinamización da vivenda accesible para os seus habitantes.

⚙ Configurar cookies
0.038065195083618