Trabada asinou un acordo de colaboración coa AEAT para axudar aos maiores de 65 anos a facer a declaración da renda
O Concello de Trabada asinou un acordo de colaboración coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) para axudar aos veciños e veciñas maiores de 65 anos a facer a declaración da renda.
Trátase en concreto dun acordo para a prestación de servizos de asistencia técnica presencial dirixido á confección das declaracións do IRPF.
“Grazas a este convenio, as persoas maiores de 65 anos do Concello de Trabada poderán facer a súa declaración da renda no propio edificio do concello axudados por un técnico municipal”, explica o alcalde, Rubén García.
Ao pedir cita na páxina da Axencia Tributaria, aparecerá a opción de facela cos técnicos do Concello de Trabada sen ningún custe.
“Queremos facilitarlle o trámite de facer a declaración aos veciños e veciñas maiores de 65 anos do noso concello”, engade o alcalde.