Trabada aprobará un suplemento de crédito para a humanización da rúa Cotarelo
O Concello de Trabada habilitará un modificativo de crédito de 44.040 euros, con cargo ao remanente de tesouraría municipal, para facer fronte á achega municipal destinada a financiar dúas obras e para levar a cabo varias actuacións na rede viaria municipal.
O concello conseguiu recentemente unha subvención da Xunta de Galicia para a renovación e humanización da rúa Cotarelo, unha das principais arterias do municipio. O goberno galego aporta 67.760 euros e ao concello lle corresponden 59.240 euros (dos que 29.040 euros procederán deste modificativo).
Por outra parte, Trabada conseguiu outra axuda para o acondicionamento e mellora dos accesos a Vilapercide, A Cabana, A Portela e A Veiga dende a estrada LU-P-6102. A Xunta aporta 43.591 euros e o concello 11.080,45 euros (2.000 euros serán do modificativo).
Asimesmo, o concello habilita un crédito de 13.000 euros para diferentes tarefas de mantemento na rede viaria municipal. Serán traballos no pavimento e o firme de varios camiños moi deteriorados polas numerosas chuvias dos meses de xaneiro e febreiro.
“Temos unhas contas municipais saneadas e grazas á boa xestión económica podemos habilitar este modificativo, con cargo aos fondos propios para proxectos que mellorarán a vida diaria dos nosos veciños e veciñas”, explica a alcaldesa de Trabada, Mayra García.
“Os dous proxectos para os que recibimos unha subvención da Xunta estaban previstos no orzamento municipal, porque o goberno municipal actúa con planificación, se ben o concello ten que facer un esforzo inversor maior con cargo aos fondos propios, de aí que teñamos que xerar máis crédito”, engade.