Trabada aproba unha ordenanza pioneira para a limpeza de terreos e franxas de biomasa

AMariñaXa
A nova normativa permitirá á veciñanza solicitar ao Concello o desbroce de parcelas e zonas de seguridade arredor de vivendas
concello-trabada
26 Sep 2025

O Concello de Trabada deu hoxe un paso decisivo en materia de prevención e xestión forestal coa aprobación, no pleno ordinario, da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo municipal de limpeza de terreos, soares e franxas secundarias de biomasa. A normativa entrará en vigor a mediados de novembro e converterase nunha ferramenta útil para veciños e veciñas que, por distintas circunstancias, non poidan facerse cargo directamente do mantemento das súas parcelas.

O alcalde de Trabada, Rubén García, explicou que “o noso obxectivo é axudar aos veciños na xestión das súas fincas, ofrecendo unha alternativa eficaz cando non teñen outras opcións”. O rexedor subliñou que se trata dunha medida novidosa no municipio e engadiu que “con ela buscamos facilitar o cumprimento das obrigas legais e, ao mesmo tempo, mellorar a seguridade e a convivencia en todo o territorio municipal”.

A ordenanza permitirá solicitar ao Concello a limpeza de fincas abandonadas ou o desbroce das franxas de protección arredor das vivendas e edificacións. Con este paso, o goberno local reforza a súa aposta pola prevención de riscos, a mellora ambiental e a posta a disposición da cidadanía de novos servizos que fomenten unha xestión responsable e sostible do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.087270021438599