Trabada aposta polo aforro enerxético coa renovación do alumeado público

O Concello de Trabada puxo en marcha as obras do proxecto denominado “Aforro enerxético na rede de luz pública dos núcleos do Vilar, Trabada, Vidal, Vilarbetote e Vilafernando”, unha iniciativa que permitirá substituír as luminarias actuais por outras máis eficientes. O obxectivo é reducir o consumo eléctrico, abaratar custos e contribuír a unha mellor sustentabilidade ambiental.
A actuación conta cun orzamento total de 51.608,25 euros. Para acometer este investimento, o Concello conseguiu unha achega de 32.000 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental, mentres que os 19.608,25 euros restantes serán asumidos con recursos propios municipais.
O alcalde, Rubén García, salientou que “levábamos anos traballando para poder executar esta mellora, e agora, grazas á axuda conseguida, facémola realidade. Desta forma contribuímos a mellorar a eficiencia enerxética e a reducir custos, ao tempo que seguimos modernizando os servizos básicos das nosas parroquias”.
Desde o goberno local subliñan que proxectos coma este forman parte dun plan máis amplo, que busca reforzar os servizos públicos, modernizar as infraestruturas e apostar de maneira decidida pola sustentabilidade e o aforro enerxético en todo o municipio.