Trabada aposta pola saúde feminina para conmemorar o 8 de marzo

O Concello de Trabada conmemorará o Día Internacional da Muller cunha proposta centrada no coidado integral e no benestar feminino. A programación especial desenvolverase o vindeiro luns 9 de marzo na Casa da Cultura, cunha dobre sesión divulgativa dirixida a achegar información práctica e rigorosa sobre etapas e aspectos específicos da saúde das mulleres.
A primeira das charlas, titulada “Coñece a túa peri/menopausia”, terá lugar en horario de mañá, de 11:00 a 13:00 horas. Nesta sesión abordaranse os cambios físicos e emocionais asociados a esta etapa vital, ofrecendo orientación e recursos para afrontala con maior seguridade e coñecemento.
Xa pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, celebrarase a segunda actividade baixo o lema “Coñece e coida o teu solo pelviano”. O encontro centrarase na importancia da prevención e no mantemento da saúde do solo pelviano, un ámbito fundamental para a calidade de vida das mulleres en distintas fases da súa vida.
Para asistir ás charlas será preciso realizar inscrición previa, ben chamando ao teléfono 982 135 011 ou acudindo ás oficinas municipais, co fin de organizar adecuadamente a participación.
Desde o Concello subliñan que estas iniciativas forman parte da programación do 8 de marzo e teñen como finalidade crear espazos de información, aprendizaxe e diálogo arredor de cuestións que afectan de maneira directa á saúde feminina. Ao mesmo tempo, a administración local reafirma o seu compromiso coa igualdade real de dereitos, coa erradicación da violencia de xénero e coa posta en marcha de políticas activas que contribúan a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria durante todo o ano.