Trabada aposta pola formación dixital cun novo curso básico de informática

O Concello de Trabada vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para o curso “A00-010. Nivel básico de informática”, unha acción formativa gratuíta destinada a veciños e veciñas do municipio que desexen iniciarse no uso do ordenador e das novas tecnoloxías. A iniciativa, que se desenvolve no marco do programa “E para dixitalizarse Lugo”, está impulsada pola Deputación de Lugo e conta co financiamento da Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.
As sesións terán lugar na Casa da Cultura de Trabada (Rúa do Concello, nº 40) os días 12 e 19 de decembro de 2025 e os 9, 16, 23 e 30 de xaneiro e 6, 13 e 20 de febreiro de 2026, en horario de 18:00 a 21:00 horas. Tamén se ofrecerá unha segunda quenda os días 13 e 20 de decembro, 10, 17, 24 e 31 de xaneiro, e 7, 14 e 21 de febreiro, de 10:00 a 13:00 horas. O curso dispón de 12 prazas, e as inscricións deberán formalizarse presencialmente no Concello ata o 26 de novembro.
O obxectivo é mellorar as competencias dixitais da veciñanza, facilitando a súa integración tecnolóxica e o acceso aos servizos en liña. O alcalde, Rubén García, animou á participación “nesta oportunidade formativa que contribúe a facer máis accesible e útil o uso da tecnoloxía na vida diaria”.
Ademais, o programa inclúe outro curso sobre firma dixital, Chave365 e certificados electrónicos, que se celebrará tamén na Casa da Cultura os días 9, 10, 11, 12, 15, 16 e 17 de decembro, en horario de 10:00 a 13:00 horas, con 12 prazas limitadas e inscrición aberta ata o 23 de novembro.
Con estas accións, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa alfabetización dixital e coa capacitación da poboación para o uso das ferramentas tecnolóxicas que facilitan a comunicación coa administración e co entorno dixital.