Trabada amplía o Servizo de Axuda no Fogar ante o aumento da demanda

AMariñaXa
O Concello reabre a bolsa de contratación para incorporar novo persoal e garantir a continuidade dos coidados a domicilio ás persoas maiores
maiores-residencia-coidado-saf
9 Apr 2025

O Concello de Trabada vén de anunciar a reapertura da bolsa de contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) co obxectivo de incorporar novo persoal e reforzar un dos servizos sociais máis esenciais do municipio. A decisión responde ao incremento progresivo da demanda, especialmente entre a poboación maior.

O alcalde de Trabada, Rubén García, explicou que “reabrimos a bolsa do SAF no día de hoxe e o prazo para presentar instancias estará aberto ata o vindeiro mércores, 16 de abril”. Segundo indicou, as persoas interesadas poden tramitar a súa solicitude tanto presencialmente nas oficinas municipais como a través da sede electrónica do Concello.

O rexedor puxo en valor a importancia estratéxica deste servizo para a veciñanza: “Cada vez prestamos atención a máis persoas maiores e temos claro que o SAF é un dos piares do noso sistema de coidados. É un servizo prioritario, porque permite que moitas persoas maiores poidan continuar vivindo nos seus fogares, mantendo a súa autonomía e contando cun apoio profesional de calidade”.

García destacou tamén que o compromiso do goberno local pasa por seguir consolidando e ampliando este servizo: “O noso obxectivo é seguir medrando de maneira sostida, incorporando máis traballadores e traballadoras para poder dar resposta ao aumento das necesidades. O SAF é unha ferramenta clave para garantir a calidade de vida da nosa xente e para fixar poboación no rural”.

Con esta medida, o Concello de Trabada reafirma a súa aposta polos servizos sociais de proximidade e polo coidado digno e profesional das persoas maiores, un colectivo especialmente vulnerábel e prioritario para as políticas públicas locais.

⚙ Configurar cookies
0.15935707092285