Trabada activa o seu campamento de verán con 43 participantes e actividades para todas as idades

AMariñaXa
A iniciativa, que se desenvolverá ata setembro, busca facilitar a conciliación familiar e laboral durante o período estival
trabada-nadal
23 Jun 2025

O Concello de Trabada puxo en marcha este luns unha nova edición do seu campamento de verán, unha proposta pensada para nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2021. O programa estenderase desde o 23 de xuño ata o 5 de setembro, con horario de 10:00 a 14:00 horas de luns a venres.

Nesta ocasión, son 43 os nenos e nenas que participarán nunha completa programación deseñada para garantir o entretemento, a aprendizaxe e o desenvolvemento físico e emocional durante as vacacións. As actividades abranguen desde xogos ao aire libre e obradoiros creativos, ata propostas deportivas adaptadas ás diferentes idades.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “continuamos a apostar por iniciativas que permitan ás familias compatibilizar o traballo co coidado dos máis pequenos”. Engadiu ademais que “desde o Concello facemos un esforzo importante por ofrecer recursos que faciliten o día a día, especialmente durante os meses de verán, nos que moitas familias necesitan apoio para organizarse”.

Este campamento, xa consolidado no calendario municipal, reflicte o compromiso do goberno local coa conciliación e o benestar da veciñanza. Ademais de dar resposta a unha demanda social, fomenta a socialización, o respecto e a cooperación entre os máis novos, nun entorno seguro e enriquecedor.

⚙ Configurar cookies
0.16362380981445