Trabada acollerá durante un mes un amplo programa cultural
O Concello de Trabada fai público o programa dos eventos culturais deste verán, que se estenderá dende o 28 de xullo ata o vindeiro 31 de agosto.
A selección das actividades programadas polo goberno local inclúe diferentes espectáculos dirixidos a un público familiar que terán lugar na praza do Concello de Trabada.
“A programación que propoñemos busca ofrecer opcións para todas as idades, apostando pola cultura segura ao aire libre e garantindo en todo momento as recomendacións e protocolos sanitarios”, subliña a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez.
A representación teatral do grupo Gazafelhos ‘A illa sen tesouro’ abrirá o programa cultural de Trabada o vindeiro 28 de xullo, mércores.
Durante os festivos locais deste ano, o Concello de Trabada programou dúas actuacións musicais. O domingo 15 de agosto será a quenda da Banda de Música de Ribadeo, e o luns 16, día de San Roque, actuará a agrupación Arco da Vella.
Nesas mesmas datas, o goberno local programou dúas proxeccións de películas, o venres 14 de agosto ‘O que arde’, de Oliver Laxe, e o sábado 15 a comedia ‘Cuñados’, tamén con protagonismo galego no elenco de actores e actrices.
Ademais, a estes eventos súmanse varias actuacións dirixidas ao público familiar. O xoves 13, a compañía teatral Bandullo Azul representará ‘Flipa cos contos’. O venres 14, a maxia chegará a Trabada da man dos Magos Xacobe e Kayto co espectáculo ‘2 magos alokaytos’.
A compañía Viravolta Títeres ofrecerá o seu espectáculo ‘A maleta de Don Attilio’ o sábado 15, mentres que o domingo 16 chegará a actuación musical ‘Cores, contos e Rock n’Roll con Ramona Órbita’, a cargo da compañía Pakolas.
Por último, a agrupación Paporrubio pechará a programación cultural do Concello de Trabada o 31 de agosto co espectáculo ‘Varietés do animalario’.