Trabada acelera as melloras viarias e de espazos públicos en todas as parroquias do municipio

O Concello de Trabada continúa cun amplo plan de melloras que está a transformar o estado dos camiños municipais e diversos espazos públicos das súas oito parroquias. Nas últimas semanas avanzouse na renovación do firme, na limpeza de cunetas e na posta a punto de vías en Valboa, Vidal, Vilapena e Vilaformán, ao tempo que os traballos seguen en marcha na parroquia de Trabada.
A planificación municipal inclúe tamén novas intervencións nas próximas semanas na parroquia de Sante, así como a continuación das obras en Fórnea, onde xa comezou a renovación do parque infantil. Estas actuacións compleméntanse coas que se desenvolven na Ría de Abres, lugar no que continúa a construción do novo centro social, unha infraestrutura chamada a converterse nun punto de encontro para a veciñanza.
O alcalde, Rubén García, salientou que “estamos a actuar simultaneamente en todas as parroquias, algo que reflicte un compromiso claro cun modelo de traballo xusto, sostido e equilibrado”. O rexedor explicou que o obxectivo do goberno local é atender as necesidades reais de cada núcleo, mellorando camiños, espazos públicos e servizos básicos que inciden de maneira directa na vida diaria da xente.
García avanzou que o Concello seguirá nesta liña, cunha planificación continua de obras e actuacións orientadas a garantir o mantemento das vías e a modernización das infraestruturas municipais. “A calidade de vida da nosa veciñanza pasa polo coidado dos camiños, polos servizos públicos en bo estado e por unha atención constante ás peticións que nos trasladan”, indicou.
Con este programa, o Concello de Trabada reforza o seu compromiso cun desenvolvemento equilibrado e próximo, impulsando actuacións que chegan a todas as parroquias e que contribúen a actualizar a rede municipal de servizos e infraestruturas.