Trabada abrirá a piscina a pesar das dificultades para atopar socorristas

AMariñaXa
O Concello de Trabada informa da apertura da piscina municipal a pesar das dificultades para atopar socorristas pola actual normativa da xunta
auga piscina
2 Xul 2022

O Concello de Trabada únese ás queixas de numerosos concellos de Galicia polos problemas para a contratación de socorristas neste verán, derivados da actual normativa da Xunta de Galicia.

No caso de Trabada, o concello solicitou o 25 de febreiro a axuda para a contratación de dous traballadores socorristas, a xornada completa, que permitirían o funcionamento do servizo todos os días da semana na piscina municipal.

De feito, o día 6 de maio o concello recibe a comunicación de concesión da subvención para a contratación dos dous socorristas por un importe de 6.220 euros.

O problema este ano en Galicia é que a nova normativa da Xunta esixe aos socorristas unha formación que non se demanda noutras comunidades autónomas, o que dificulta as contratacións.

A duración e o custe dos cursos de formación para desenvolver un traballo normalmente temporal, e na maioría dos casos complementario aos estudos, leva aos mozos e mozas a desistir da súa realización.

No caso de Trabada, tras tres procesos de contratación abertos para cubrir dúas prazas non se pechou ningún contrato. “Tivemos que contratar a unha persoa a través dunha empresa co curso de socorrista doutra comunidade autónoma e vémonos na obriga de renunciar á axuda que a Xunta concedeu ao concello, polo tanto teremos que asumir o gasto da contratación do socorrista con fondos propios municipais e pechar a piscina municipal dous días á semana”, explica a alcaldesa, Mayra García Bermúdez.

“Pedímoslle á Xunta que modifique a normativa e que facilite o acceso a postos de socorristas, ao igual que o fan en comunidades autónomas veciñas, porque é unha pena non poder abrir estas instalacións. Abrimos hoxe pero non sabemos por canto tempo, porque aínda hai procesos selectivos noutros concellos da comarca e a falta de persoal fai que na medida do posible o persoal opte polo traballo que máis cerca lles queda”, engade.

0.18505001068115